|
ALGA Asociación Luso-Galega de Antropoloxía Aplicada
¿Qué é ALGA?
ALGA (Asociación Luso-Galega de Antropoloxía Aplicada) é unha asociación impulsada por integrantes do GEAA (Grupo de Estudos de Antropoloxía Aplicada) da Universidade da Coruña. Moitas das liñas de traballo do grupo impulsor (modelos de racionalidade campesiña, cambio rural e urbán, problemas e conflitos derivados do choque entre modernización e tradición, problemática dos refuxiados, análise de impacto da cooperación en sociedades do Terceiro Mundo, xénero, familia e cambio social, etc.), remataron por levarnos a unha lóxica converxencia ou encontro con axentes e entidades da cooperación internacional. Por iso, despois de varios anos desenvolvendo investigación antropolóxica aplicada en Mozambique e, máis recentemente, en Timor Leste, animados por colegas maioritariamente mozambicanos, timorenses e portugueses, decidimos impulsar unha entidade legal que agrupase tanto a antropólogos como a especialistas noutros campos que tivesen en común unha aposta pola investigación aplicada socialmente comprometida. Por iso ALGA é unha asociación científica con raíces na "academia", pero tamén comprometida có desenvolvemento sostible; dende o coñecemento experto proxectado na súa faceta máis aplicada, procuramos camiños para a acción e o compromiso sociais.
ALGA é unha comunidade composta fundamentalmente por antropólogos e persoas interesadas na Antropoloxía, pero tamén integrada por especialistas doutras disciplinas que comparten os mesmos principios que ALGA recolle nos seus Estatutos:
- A cooperación internacional nos ámbitos da investigación científica e da formación.
- A crenza de que o coñecemento científico debe ser un coñecemento aberto sen barreiras a disposición de todos os cidadáns do mundo.
- O compromiso ético dunha Ciencia ao servizo da Paz e do desenvolvemento sostible dos países.
- A aposta por un saber científico aplicado, especialmente orientado a determinar as causas dos conflitos e dos problemas aos que se enfronta a Humanidade, entendendo que este saber aplicado debe ser unha contribución á procura de solucións a tales problemas que impiden un desenvolvemento humano integral.
- O respeto e a defensa da diversidade cultural, entendendo que ésta é o maior patrimonio da especie humana, en perigro polo empobrecemento cultural que supoñen algúns aspectos negativos da globalización.
- A defensa da tolerancia e do diálogo social e a búsqueda do coñecemento do ‘outro’ como o camiño máis seguro para acadar o respeto entre os grupos humáns.
ALGA prioriza as relacións cos países lusófonos, aínda que outorga tamén un trato preferente as relacións con países que gardan unha vinculación especial -cultural, social, científica, etc.- con España, Portugal ou con calquera dos países lusófonos, en especial os países da América Latina e de África.
ALGA é unha comunidade aberta que pretende desenvolver unha estratexia baseada na creación de redes e proxectos de traballo dotados de autonomía, pero tamén pretende servir de espazo de encontro para os diferentes entornos da Antropoloxía: profesores, investigadores, estudantes, profesionais, etc., coa finalidade de servir de marco para o desenvolvemento de actividades, proxectos e de relacións académicas e profesionais. Por iso ALGA ten entre seus fins:
- O estudo antropolóxico do ser humán no seu sentido máis amplo, acentuando a análise da variabilidade cultural e dando a máxima importancia ao coñecemento aplicado.
- O fomento e a promoción do coñecemento e da investigación científica, tecnolóxica e humanística dende outros campos diferentes á disciplina antropolóxica, sempre que iso supoña unha contribución de valor para alcanzar os fins expresados no apartado anterior e nos seguintes.
- Fomentar a colaboración e o intercambio de ideas e coñecementos entre os antropólogos e o resto de científicos sociais e humanistas comprometidos no ideal dun coñecemento científico e humanístico ao servizo do home. A Asociación busca crear pontes para o diálogo multidisciplinar ao redor dos problemas dos que se ocupa a Antropoloxía Aplicada.
- Buscar e promover vías para o fomento de accións de cooperación internacional ao desenvolvemento, fundamentalmente –aínda que non en exclusiva- a través de iniciativas relacionadas coa docencia e a investigación, implicándose a Asociación en tales accións.
- Colaborar cos axentes e entidades da cooperación internacional ao desenvolvemento, públicos e privados, naqueles aspectos nos que a Asociación poida realizar aportarcións de utilidade.
- Promover e organizar reunións científicas de carácter autonómico, nacional e internacional, destinadas á exposición e discusión dos avances e resultados da investigación científica, tanto teórica como práctica, no campo antropolóxico aplicado, abertas á multidisciplinariedade e á participación doutros especialistas que teñan liñas de traballo que garden relación cos obxectivos científicos das reunións.
- Promover publicacións científicas que den a coñecer os logros da investigación antropolóxica aplicada e da investigación social aplicada nun sentido máis amplo.
- Contribuir a establecer e desenvolver o perfil e os campos de coñecemento propios da Antropoloxía Aplicada.
- Colaborar coa Administración e outras Institucións públicas e privadas en temas relativos ao ensino da disciplina, así como no desenvolvemento de iniciativas sociais nos que a Antropoloxía Aplicada poida aportar un coñecemento experto.
- Asistir, dentro das posibilidades e no marco dos fins da Asociación, a aquelas persoas, colectivos ou entidades que, sin ser socias, requiran o apoio, asesoramento e servizo da Asociación.
- Servir de rede de axuda e apoio para facilitar o encontro e o contacto entre as persoas (doutores, licenciados e estudantes) que compoñen a comunidade de antropólogos, ofrecéndolles mecanismos de axuda para facilitar a publicación e divulgación dos seus traballos, espazos de encontro para o debate, intercambio de ideas e coñecemento mutuo de uns cos outros, instrumentos para a colaboración recíproca e a búsqueda de sinerxias, asesoramento, informacións, etc.
ALGA ten a sua sede na Facultade de Humanidades de Ferrol, da Universidade da Coruña.
Para asociarse a ALGA solicite información:
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
|