| Xustificación |
|
|
|
|
A Cooperación Internacional ao Desenvolvemento implica prácticas caracterizadas pola transculturalidade. A entrada en contacto de ONGs, cooperantes, voluntarios, axentes das entidades internacionais e axencias estatais de cooperación, etc., coa realidade social de países con escenarios culturais diferentes, a interacción entre uns e outros e a implementación de estratexias de desenvolvemento con certa frecuencia deseñadas dende paradigmas occidentais, desencadean a miúdo un inevitable choque cultural, con momentos de encontro e desencontro entre o universo cultural da cooperación e o dos receptores da axuda. Por iso, sen dúbida as accións de cooperación ao desenvolvemento caracterízanse por constituír unha dinámica transcultural. Entendida a transculturalidade como contacto e relación entre modelos culturais "unha relación normalmente asimétrica e de poder", a praxe da axuda enfróntase a serios problemas de mediación cultural e de comprensión recíproca, sen que a progresiva integración de contrapartes locais no ciclo dos proxectos estea aportando o salto cualitativo que todos esperabamos nun primeiro momento. Dende a súa dimensión de ciencia da Cultura, a Antropoloxía busca explicar a diversidade e similitude culturais, establecendo conexións entre marcos culturais diferentes e creando pontes de entendemento entre coordenadas culturais a veces distantes entre si. O carácter xenuíno do antropólogo como mediador cultural, converte á Antropoloxía nunha potente ferramenta práctica para a resolución de problemas no mundo da cooperación e para o deseño de proxectos, tal como se recoñece no mundo anglosaxón e noutros moitos países. Aínda que a Cultura debera ser un elemento central do deseño dun proxecto, por desgracia é habitual a súa reducción a un carácter folclórico e anecdótico, convertido nun elemento residual do Enfoque do Marco Lóxico. O dominio esaxerado de perspectivas formalistas e tecnócratas dende as que resulta moi difícil resolver os problemas de mediación transcultural, convértese de cotío nun factor que propicia o fracaso de moitas iniciativas. é necesaria unha reflexión en torno á idea segundo a que descifrar códigos culturais daquelas comunidades onde a cooperación traballa, adecuando as estratexias de desenvolvemento aos devanditos códigos, é unha tarefa de mediación cultural que debe garantir A) fortalecer o carácter endóxeno dos cambios, B) incrementar a sustentabilidade dos proxectos, C) reducir os impactos negativos non contemplados no deseño do proxecto, D) mellorar a imaxe da axuda nos países receptores, mellorando as relacións coas comunidades, E) mellorar a imaxe da cooperación na nosa sociedade, F) axudar ao cooperante e técnico a comprender o medio no que desenvolve a súa actividade reducindo o que coñecemos como "cansazo da axuda", G) mellorar a eficacia dos proxectos e reducir os seus custes. Por todo iso consideramos imprescindible a creación de espazos de discusión e intercambio de ideas entre o sector da cooperación e o campo científico antropolóxico.
A |




