Advertisement
ALGA PDF Imprimir Correo-e

ALGA (Asociación Luso-Galega de Antropoloxía Aplicada) é unha asociación de recente creación impulsada por integrantes do Grupo de Estudios de Antropoloxía Aplicada (GEAA), da Universidade da Coruña. A súa sede está na Facultade de Humanidades da UDC.

Moitas das liñas de traballo do grupo impulsor (modelos de racionalidade campesiña, cambio rural e urbano, problemas e conflictos derivados do choque entre modernización e tradición, problemática dos refuxiados, análise de impacto da cooperación en sociedades do Terceiro Mundo, xénero, familia e cambio social, etc.), remataron por levarnos a unha lóxica converxencia ou encontro con axentes e entidades de cooperación. Por iso, despois de varios anos desenvolvendo investigación antropolóxica aplicada en Mozambique e, máis recentemente, en Timor Leste, animados por colegas maioritariamente mozambicanos, timorenses e portugueses, decidimos impulsar unha entidade legal que agrupase tanto a antropólogos como a especialistas noutros campos que tivesen en común unha aposta pola investigación aplicada e a cooperación científica en países lusófonos principalmente, pero tamén a conciencia da necesidade de reaxustar moitas facetas e enfoques dos modelos da cooperación internacional para o desenvolvemento.

Noutras palabras, ALGA é unha asociación científica con raíces na "academia", pero tamén comprometida có desenvolvemento sostible; dende o coñecemento experto proxectado na súa faceta máis aplicada, procuramos camiños para a acción e o compromiso sociais. Por iso, adicando o primeiro simposio de ALGA a cooperación para o desenvolvemento, desexamos manifestar a clara orientación da asociación, que terá unha continuidade no mes de agosto. Nesta data, ALGA organizará en Timor Leste un Encontro Nacional de entidades de cooperación que traballan neste país, para a discusión dos problemas e expectativas da cooperación neste pequeno pero grande país lusófono. Nestes momentos ALGA conta xa cunha delegación en Timor Leste e con outra en Mozambique; esperamos en poucos meses contar con socios na totalidade dos países lusófonos.