Presentación

Logo PARXE

A Comisión de Estudos de Xénero é unha comisión permanente de ALGA para a investigación, debate e análise dos problemas de Xénero. Funcionamos con seminarios e obradoiros de traballo, partindo dun cronograma e planificación anuais de actividade. 

Dende a Comisión de Estudos de Xénero de ALGA impulsamos e/ou participamos en investigacións e estudos en países tan distantes como pode ser Timor Leste, onde investigadoras de ALGA participan en proxectos da OCV-UDC (Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña) sobre as causas da violencia de xénero (proxecto VIXE) ou sobre os procesos de toma de decisións en relación co xénero (TODEDO). 

Pero tamén promovemos investigacións e estudos no noso país, como é o caso dos proxectos PARXE e XELI – específicos de ALGA – ou participamos, tendo un papel destacado, en proxectos como o AFGAL (proxecto de I+D da Universidade da Coruña), analizando as relacións e problemas de xénero na inmigración africana en Galicia. 

Nos últimos anos, complementamos os estudos de xénero coa divulgación científica a través da organizacion de seminarios e obradoiros específicos derivados da nosa propia investigación. É o caso do Simposio: Muller, participación e igualdade” no 2009 ou o Café-Obradoiro de debate: A Carreira Política en 2011. 

Máis recentemente organizamos o Seminario de Debate: "Muller e Poder" (2012) no que, a través do relato das experiencias políticas das nosas relatoras, afondamos na análise dos cambios sociais e actitudinais, conscientes e inconscientes, que se foron producindo a partir da incorporación normalizada da muller aos distintos ámbitos e escenarios políticos. 

Para obter información sobre as actividades levadas a cabo pola Comisión de Estudos de Xénero pincha aquí.